Tumgik
Text
Galiza e o decolonialismo a debate en Bueu o 24 de agosto
Tumblr media
O 24 de agosto as 20h., o Cafe Bar Aturuxo, en Bueu, acolle a conversa e presentación do libro "Galiza e o decolonialismo" que ven de editar a Fundación Luis Seoane. Co encontro se pretende abrir un debate sobre os modos que temos de habitar Galiza, así como pensar posibles estratexias futuras onde a terra non sexa só unha mercadoría máis e se converta nun elemento central para o desenvolvemento de vidas máis dignas. Para iso contarase coa presenza da coautora do libro e arquitecta, María Novas, arquitecta e doutoranda pola Universidade de Sevilla. Así como Cristina Botana, doutora en Arquitectura e Urbanismo da ETSAC da UDC. Investigadora docente no Grupo de Análise Territorial no departamento de Xeografía da USC e tamén coautora da libro. Acompañara o encontro o investigador Fran Quiroga, coautor e editor da obra Galiza e o decolonialismo, e coordinador do Grupo de Estudos do que emerxe esta obra.
No encontro presentarase a obra Galiza e o decolonialismo, editada pola Fundación Luis Seoane este ano e que pretende pensar como o decolonialismo atravesa os xeitos de entender ou ler Galiza, pensando na nosa posicionalidade, e coa que analizar canto de válida é ou non a idea de pobo oprimido, sendo conscientes de que habitamos no Norte de Europa, con todos os privilexios que iso implica.
A obra conta coas contribucións dos profesores da Universidade de Berkeley Ramón Grosfoguel, da USC Xosé M. Núñez Seixas, Emilio Carral e Cristina Botana e da UDC Antía Pérez Caramés e Keina Espiñeira; así como dos investigadores e activistas Brigitte Vasallo, Pablo Pesado, Mafe Moscoso, Leticia Couto, Serxia Laxe, María Novas e Fernando Pérez, a curadora Agar Ledo e as artistas Mercedes Peón, Lucía Egaña e Artemisa Semedo; a obra conta tamén co deseño de Desescribir, e foi editada por Fran Quiroga.
Aquí pode mercarse a obra: https://fundacionluisseoane.gal/es/publicaciones/galiza-e-o-decolonialismo/ así como en librarías como Numax ou a libraría Miranda de Bueu, quen tamén colabora no encontro.
0 notes
Text
Conversa Territorios para a vida
Tumblr media
O territorio é un lugar en disputa. Dende a ordenación do territorio desenvolta na Galiza a partir da creación do Estado autonómico, tense contribuído a reforzar os binarismos que materializan fendas territoriais: solo forestal e solo agropecuario, núcleos urbanos e núcleos rurais. O territorio é cada vez máis un insumo para a especulación. A pregunta é: como podemos pensar o lugar que habitamos como espazo para a interacción de vidas, entre nós mesmas e coas especies que nos rodean; en definitiva, se pode haber territorios para a vida.
A conversa que terá lugar o sábado 8 de xullo, ás 12h no Museo Provincial de Lugo, pretende abrir un debate sobre os modos que temos de habitar Galiza, así como pensar posibles estratexias futuras onde a terra non sexa só unha mercadoría máis e se converta nun elemento central para o desenvolvemento de vidas máis dignas. Para iso contarase coa presenza do profesor da USC Emilio Carral, autor de varias obras entre as que destaca O Pequeno é grande, A agricultura familiar como alternativa”, o investigador transdisciplinar Fran Quiroga, coautor e editor da obra Galiza e o decolonialismo, e da activista afrofeminista Vicky Campoamor, quen ten publicado País Tierra, un relato de afrofuturismo.
Ademais o encontro servirá para presentar a obra Galiza e o decolonialismo, editada pola Fundación Luis Seoane este ano e que pretende pensar como o decolonialismo atravesa os xeitos de entender ou ler Galiza, pensando na nosa posicionalidade, e coa que analizar canto de válida é ou non a idea de pobo oprimido, sendo conscientes de que habitamos no Norte de Europa, con todos os privilexios que iso implica. A obra conta coas contribucións dos profesores da Universidade de Berkeley Ramón Grosfoguel, da USC Xosé M. Núñez Seixas, Emilio Carral e Cristina Botana e da UDC Antía Pérez Caramés e Keina Espiñeira; así como dos investigadores e activistas Brigitte Vasallo, Pablo Pesado, Mafe Moscoso, Leticia Couto, Serxia Laxe, María Novas e Fernando Pérez, a curadora Agar Ledo e as artistas Mercedes Peón, Lucía Egaña e Artemisa Semedo; a obra conta tamén co deseño de Desescribir, e foi editada por Fran Quiroga.
0 notes
Text
Presentación do libro "Galiza e o decolonialismo" e outros contos na Fundación Luis Seoane
A Fundación Luis Seoane presenta a publicación Galiza e o decolonialismo editada pola propia fundación e que pretende contribuir a abrir un debate sobre como a teoría decolonial atravesa os modos de entender Galiza. O encontro terá lugar o xoves 27 de abril ás 20:00 da man do seu editor Fran Quiroga, das autores Serxia Laxe e Leticia Couto e contará coa compañía do contacontos Celso Fernández Sanmartín.A obra, que se presenta, emerxe do Grupo de Estudos que se celebrou ao longo do 2022 na institución coruñesa e que aborda o significado da identidade, a cal é concibida dende o seu carácter mutante, cambiante, adaptativo, lonxe de esencialismos normativizantes. A publicación sinala a relevancia dos procesos de fixación de identidade, en tanto son procesos perfomativos, mais tamén analiza as migracións, os legados, a construcción da idea da nación, da potencia do popular, en definitiva un exercizo de pensamento coral sobre a idea de galeguidade na contemporaneidade.
Ao cargo da edición estivo Fran Quiroga, coordinador do Grupo de Estudos e conta coa contribución dos profesores de universidade de Berkeley Ramón Grosfoguel, da USC Xose M. Núñez Seixas, Emilio Carral e Cristina Botana e da UDC Antía Pérez Caramés e Keina Espiñeira; asi como dos investigadores e activistas Brigitte Vasallo, Pablo Pesado, Mafe Moscoso, Leticia Couto, Serxia Laxe, María Novas e Fernando Pérez, asi como da curadora Agar Ledo e as artistas Mercedes Peón, Lucía Egaña e Artemisa Semedo; a obra conta tamén co deseño de Desescribir.
Galiza está no Norte Global, mais non é Berlín, nin Londres, é un recuncho atlántico atravesado por unha fonda emigración histórica. A obra aborda esta complexidade así como a vixencia do significado de pobo oprimido, en tanto ser colonia e colonizador son ambas caras da mesma moeda. En definitiva, a publicación non pretende sentar cátedra ou construír verdades, se non contribuír, con modestia, a abrir un diálogo do xeito que temos de ler Galiza.
Celebraranse máis presentacións da obra, polo que recomendamos visitar o blogue https://galiciaeodecolonialismo.tumblr.com/ para estar ao tanto dos seguintes encontros.
Tumblr media
0 notes
Text
O dereito a mobilidade, unha ollada a conversa con Antía Pérez Carames e Keina Espiñeira
O dereito a mobilidade, unha ollada a conversa con Antía Pérez Carames e Keina Espiñeira
O 14 de xullo celebramos a última das sesións do Grupo de Estudos na Fundación Luis Seoane. Este encontro foi conducido por Antía Perez Caramés, profesora contratada doutora na facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña e integrante del Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI) e Keina Espiñeira, investigadora asociada no Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI), da Universidade da Coruña, a súa formación e liñas de traballo transitan entre a ciencia política, a xeografía humana. 
Achegamos aqui unhas notas esquematicas da sesión, co obxectivo de abrir e documentar o proceso. 
* * *
Que aporta a teoría decolonial aos procesos migratiorios 
Que aporta a historia migratoria galega (ese pouso) a teoría decolonial – un diálogo que aínda non se produciu 
Artellar a conversa – ideas
1. Interpretación materialista (non clásica) dos procesos migratorios (clásica = Brazos para a xeitura de Fuxan os Ventos, visión catastrofista na que a migración é culpable do cambio produtivo en Galicia – interpretación mecanicista co auxe do marxismo que agora é unha interpretación pop). Nova materialidade – capas, entrecruzamentos... máis complexo – nos coloca fronte aos nosas propias pantasmas
2. Procesos de racialización – non se interpretou como se a racialización tivera algo que ver (Castellanos de Castilla, de Rosalía, galegos como negros – protoracialización). Á vez, nos tamén somos xeradores dos procesos de exclusión.
3. Cuestión de recentrar o sur e entendernos como un sur (los sures del mundo) – descentrar a produción de coñecemento – desmontar certas interpretacións feitas desde o norte
* * *
Dereitos – xerarquización dos dereitos á mobilidade
Colonialidade – 3 dimensións - do poder, do saber e do ser
Colonialidade do poder e do saber – codificación das diferenzas – poñer nome – prodúcese a normatividade e os filtros de control dos distintos dereitos
Colonialidade do ser – experiencias dos suxeitos (Fanon, ser e non ser; suxeitos humanos e non humanos; procesos de deshumanización, ver Nelson Maldonado Torres e Boaventura de Sousa Santos). Liñas divisorias (ou “liñas abismais” que establecen xerarquías nos seres. Establecemento de normativa, regularización que xenera irregularidade (a lei, o derreito).
> El derecho de fuga, Sandro Mezzadra – dereito á mobilidade, non como suxeitos pasivos e vítimas – reivindicar a autonomía
Inclusión/exclusión, integración/non integración... > inclusión diferencial – hai gradacións, distintas categorías do ser migrante
> La frontera como método, Sandro Mezzadra, Brett Neilson – medo, traballo, cidadanía, mobilidade...
“locus de enunciación”, Walter Mignolo
Filtro selectivo de mobilidade – fronteira: ode e creación de diferencias 
border | b/ordering | b/othering
Dialectica do poder – liberdade/control – resistencias/desobediencias – idea de “pensamento de fronteira” – posicionalidade – terreo de fricción e contacto, para buscar mesturas
Gloria Andalzúa – fronteira como “la rajadura” – confrontar coa normatividade – conciencia da nova mestiza – procesos de redifinición de identidades das persoas migrantes 
* * *
Saber subalterno galego – exemplos para achegas teóricas:
1.Cuba, migración galega para branquear a illa
2. Nova diáspora (dende o 2008), narrativas con certo branqueamento – a maioría de migrantes foron os que retornaro aos seus países de orixe ou re-emigraron (Marrocos, Latinoamérica...). Narrativa branca: xeración mellor formada – máis lamentable quen ten un título e quen non? Titulada en psicoloxía colombiana que traballa no sector da limpeza – narrativas excesivamente reduccionistas – somos un país privilexiado 
3. Comunidade caboverdiana en Burela – Luzia Oca, antropóloga – cuestionamento do modelo de integración perfecta: o batuco integrado na música tradicional galega, falan galego... pero a maioría non está empadroada sequera – a integración prodúcese por equiparación ao subalterno (o galego) – asimilación non co maioritario e hexemónico, senón co subalterno
* * *
Repoboamento do rural - representación territorio que é preciso despoboar – axenda política da UE – reto demográfico galego – acollida de persoas refuxiadas en contornas rurais -  existen criterios de selección de perfís desexables para “repoboar” o rural (familias heteronormativas con crianzas para manter as escolas abertas) – procesos de selección encuberta vinculados aos programas de asilo e protección internacional – cambios lexislativos para a acollida de persoas da ucraína, etc.
Xubilación, retiro... e nómades dixitais – norte de europa, aldeas mercadas enteiras, debate que mobilidades son posibles
* * *
CARTOGRAFÍAS CRÍTICAS DA MIGRACIÓN
> Migreup, 2013, “Where is the border?” Limitis of the Shengen space
> Migreup, 2016, Atlas des migrations
> Madiaq Territory, 2016, Hackitectura, Barrilano y Julio Torret, https://hackitectura.net/es/category/cartografias/ 
> Remapping Home, 2014, Colectivo Zemos 98 https://www.tintafina.net/remapping-home.html 
http://zemos98.org/portfolio_page/remapping-europe/ 
0 notes
Text
O 14 de xullo abordamos o recoñecemento da mobilidade como dereito humán
Tumblr media
O Grupo de Estudos Galicia e o Decolonialismo continúa coas súas sesións públicas, nesta ocasión coas investigadoras da Universidade da Coruña Antía Perez Caramés e  Keina Espiñeira. Con elas abordaremos ”o dereito a mobilidade” neste encontro público analizaremos os fenómenos migratorios, as súas causas e as violencias que sofren. Esta sesión é unha nova oportunidade para analizar a condición migrante de Galicia, mais dende a óptica das comunidades inmigrantes que acoden ao pais.
O encontro será conducido por Antía Perez Caramés, profesora contratada doutora na facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña e integrante del Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI), así como do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da UDC. Recientemente editou, xunto con Renée DePalma, o libro Galician Migrations: A Case Study of Emerging Super-diversity (Springer, 2017). E Keina Espiñeira, investigadora asociada no Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI), da Universidade da Coruña, a súa formación e liñas de traballo transitan entre a ciencia política, a xeografía humana e os estudos de cinema. Entre os seus intereses se atopan as fronteiras e as mutacións físicas, funcionais e simbólicas das mesmas.
A sesión pública terá lugar no auditorio da Fundación Luis Seoane o próximo xoves 14 de xullo ás 19h. e é a última das sesións públicas do Grupo de Estudos. A partir deste intre iniciarase un proceso de reflexión conxunta que derivará nunha publicación que recolla as principais achegas e dúbidas que se deron ao longo deste pioneiro Grupo de Estudos Galicia e o decolonialismo.
Co obxectivo de documentar e que ocorre no Grupo de Estudos está aberto un espazo virtual https://galiciaeodecolonialismo.tumblr.com/ que serve de arquivo público do proxecto.
0 notes
Text
A encrucillada decolonial en Galicia a debate o 17 de xuño
Tumblr media
O Grupo de Estudos Galicia e o decolonialismo continúa coas súas sesións públicas, nesta ocasión coa preseza da profesora Helena Miguélez-Carballeira e a revista Clara Corbelhe. A conversa “A encrucillada decolonial en Galicia” profundará nos debates que se estan dando ao redor de como a teoría decolonial está mudando os xeito de ver Galicia, como esta teoría atravesa o xeito de pensar a posicionalidade de Galicia no mundo. Á vez procurarase ver como moitos dos imaxinarios que nos foron aprehendidos do que é Galicia, como a idea do atraso, da melancolía ou a eterna “morriña” están sendo repensandos. As construcións simbólicas que se crean non son neutras, e moitas veces son paralizantes, en tanto semella que non hai espazo para a transformación, ou a mudanza.  
A sesión é compartida entre Helena Miguélez-Carballeira e a revista Clara Corbelhe. A investigadora é catedrática de Estudos Hispánicos no departamento de Linguas Modernas da Universidade de Bangor. É directora do Centro de Estudos Galegos en Gales e editora fundadora da revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies. Forma parte do proxecto Espaço Clara Corbelle. Entre as súas obras destacan Galiza, um povo sentimental?: Género, política e cultura no imaginário nacional galego. A revista Clara Corbelhe, https://claracorbelhe.gal/,  é un proxecto multidisciplinar de investigación, producción e difusión de pensamento crítico galego, que se define asimesmo como “um verdadeiro espazo de subxectivización política capaz de proxectar un pensamento emancipador ao redor de novas formas de xeración de coñecemento”.
A conversa será presencial e terá lugar no auditorio da Fundación Luis Seoane o venres 17 ás 19h. A seguinte sesión pública será o 30 de xuño e contaremos coa participación das investigadorras da Universidade da Coruña, Antía Perez Carames e Kenia Espiñeira, coa conversa “O dereito á mobilidade”
0 notes
Text
o 26 de maio conversaremos con Mercedes Peón
Tumblr media
O próximo xoves 26 de maio ás 20h. terá lugar unha nova intervención no Grupo de Estudos Galicia e o Decolonialismo, nesta ocasión acompáñanos Mercedes Peón. A artista naceu en 1967 e aos 13 anos oíu algunhas mulleres cantando na Costa da Morte. O tocar de pandeiro e o cantar o ribeirana foron as detoantes para escoller as cancións, danzas, historias e experiencias dos seus contemporáneos. Despois de afondar na tradición por máis de 25 anos, no 2000 gravou o seu primeiro álbum chamado Isué.  O último traballo, Deixaas é o resultado dun intenso período de investigacións sobre as posibilidades da arte do son, campo en que é referente internacional
Coa artista e pensadora analizaremos como a nación está atravesada polo respecto á tradición, pola creación dende a terra; e de como as xenealoxías non son unha lousa, senón un un empurrón dende o que comezar a pensar os xeitos de estar e sentir o mundo. Así, a tradición, de novo, volve ser unha continúa adaptación que ten unha historia, mais tamén un espazo de posibilidade co que seguir cantando/sentindo as realidades do noso mundo contemporáneo.
A sesión pública terá lugar unha vez máis no auditorio da Fundación Luis Seoane e titúlase “o pasado presente” unha sorte de nova conxugación verbal que hibrida nun mesmo tempo o contemporáneo co que nos precede, creando unha harmonía que recoñece ás que nos precederon, mais que tamén da azos e abre espazos para facer presentes.
Tumblr media
O Grupo de Estudos é un espazo e pensamento que ten como obxectivo pensar como o decolonialismo atravesa a Galicia, ao xeito que temos de entendela. Trátase de facer, na Fundación Luis Seoane, unha invitación a unha reflexión lenta, sobre un debate aínda pendente: que é ser periferia á vez que centro? Que é ser colonia á vez que colonizado? Toda a documentación do proxecto vaise albergando neste arquivo web https://galiciaeodecolonialismo.tumblr.com/ 
0 notes
Text
Relatos sudakas en la europa fortaleza por Mafe Moscoso e Lucía Egaña
Tumblr media
Continúa o Grupo de Estudos Galicia e o decolonialismo, e desta volta faino coas activistas e investigadoras Lucía Egaña e Mafe Moscoso. O xoves 5 de maio ás 20h conversaremos ao redor das poéticas e feridas de memoria, do tránsito e das migracións, da expulsión e o rexeitamento e como non, dos feminismos e os antiracismos.
Ao longo das diferentes sesións que se organizaron dende o Grupo de Estudos hai unha teima común en torno a superar a idea do pureza ou da norma, e da potencia da marxe, e moitas veces daquelo que está oculto. Coas investigadores, procuraremos  “comenzar a matar al pequeño macho colonizador que habita en nosotras y que nos hace creer que nuestras individualidades son el centro del universo” tal e como sinala Lucía Egaña, na publicación ACA SOY LA QUE SE FUE Relatos sudakas en la europa fortaleza, na que tamén escribe Mafe Moscoso e que pode lerse aquí.
Lucía Egaña Rojas é licenciada en Arte, como artista traballa en proxectos colaborativos que problematizan a construción de imaxinarios sociais e as fontes de coñecemento. Os seus proxectos foron expostos en diversos espazos, museos e institucións. A súa práctica creativa desborda, impregnando diversos territorios como a tecnoloxía, a pedagoxía, a escrita ou a sexualidade. Foi profesora e parte da dirección académica do Programa de Estudos Independentes (PEI) do Museu de Arte Contemporánea de Barcelona (MACBA) e codirixe o Instituto de Estudos Pornográficos.
Pola súa banda, Mafe Moscoso é investigadora independente, migrante que combina escritura, arte e etnografía. Doutora en antropoloxía (Freie Universität Berlin) e profesor da BAU e da UOC. Escribe en diversos formatos e soportes e, entre outros, é autora do libro “Biografía para o uso das aves: infancia, memoria e migración” (2013). As súas principais liñas de investigación son a memoria e a migración, as pedagoxías críticas, a etnografía experimental e os estudos e prácticas anticoloniais. Activista antirracista e feminista, nos últimos anos adentrouse no campo das metodoloxías interdisciplinares e experimentais, desenvolvendo proxectos como Unha cidade, moitos mundos.
A sesión terá lugar unha vez máis no auditorio da Fundación Luis Seoane na Coruña, e súmase ás anteriores intervencións de Brigitte Vasallo, X. M. Nuñez Seixas e Ramón Grosgoguel. Tras o paso das activistas, continuaremos o 26 de maio coa artista Mercedes Peón, coa conversa O pasado presente.
O Grupo de Estudos é un espazo e pensamento que ten como obxectivo pensar como o decolonialismo atravesa a Galicia, ao xeito que temos de entendela. Trátase de facer, na Fundación Luis Seoane, unha invitación a unha reflexión lenta, sobre un debate aínda pendente: que é ser periferia á vez que centro? Que é ser colonia á vez que colonizado? Toda a documentación do proxecto vaise albergando no arquivo web https://galiciaeodecolonialismo.tumblr.com/ 
0 notes
Text
A poeta Artemisa Semedo abordará o 9 de xuño o racismo nos corpos
Tumblr media
O próximo xoves 9 de xuño ás 19h. terá lugar unha nova intervención no Grupo de Estudos Galicia e o Decolonialismo, nesta ocasión será protagonizada por Artemisa Semedo. Nada en Cabo Verde, aos cinco anos chega a Burela e actualmente reside en Madrid. É licenciada en socioloxía e ten sido parte de Afrogalegas. Coa poeta continuaremos abordando o debate sobre a construción das identidades híbridas, na súa condición de afrogalega, máis tamén das violencias físicas e simbólicas que ten sufrido.
Coa poeta e performer manteremos un diálogo que transitará entre o recital performativo e a conversa. Con ela analizaremos o berro esperanzador da “negritude” mais tamén de como Europa pecha os ollos, de xeito cómplice, ante o racismo que impera na sociedade.
A sesión terá lugar unha vez máis no auditorio da Fundación Luis Seoane na Coruña, e súmase ás anteriores intervencións de Brigitte Vasallo, X. M. Nuñez Seixas e Ramón Grosgoguel. Tras o paso da poeta, continuaremos o 17 de xuño coa conversa cos promotores da Revista Clara Corbelhe e Helena Miguelez Carballeira.
O Grupo de Estudos é un espazo e pensamento que ten como obxectivo pensar como o decolonialismo atravesa a Galicia, ao xeito que temos de entendela. Trátase de facer, na Fundación Luis Seoane, unha invitación a unha reflexión lenta, sobre un debate aínda pendente: que é ser periferia á vez que centro? Que é ser colonia á vez que colonizado? Toda a documentación do proxecto vaise albergando no arquivo web  https://galiciaeodecolonialismo.tumblr.com/
1 note · View note
Text
A diáspora como dobre espoliación dende a orixe: do non-ser á identidade mutante.
Tumblr media
Relatoria do encontro con Brigitte Vasallo
A declaración de principios acho que é importante, e así Brigitte Vasallo manifesta que os sistemas non son lineais, a historia non é lineal, mas o pensamento dominante (as elites) é sempre lineal, sendo que deste xeito  o proceso de colonización e mais doado e directo. Aquí conflúe con outros eidos tamén fundamentais para o ser humano,  os ecosistemas tampouco son lineais, mais  nós  aplicamos  modelos lineais para o seu espolio. Nin sequera as conexións neuronais funcionan de maneira lineal (son Bayesianas). É polo tanto unha declaración de principios certeiramente Universal. Así a oradora introdúcenos, e afírmanos neste mundo, cando testemuña que a realidade é diversa e atravesa o corpo. Como xa sabemos, mais penso que esquecemos con frecuencia, somos psicosomáticos.
Fala da Galiza como paradigma dun proceso de colonización dúplice: somos o Sul do Norte e o Norte do Sul. Dende a posición Sul emigramos cara Centro Europa e ao Norte Industrializado da  Península Ibérica durante o réxime franquista. Na diáspora do “desarrollismo” formamos parte do fluxo migratorio do 20% da poboación do estado español, soportando unha espoliación dupla: da terra (do lugar físico) e do propio sistema de habitación (relación con a terra, con o  o entorno).  Estamos ante  un espolio binomial, o do noso corpo (do sistema agrario a un sistema industrial) e da nosa subxectividade (expulsados da nosa habitación). Este proceso foi acompañado e apoiado nun triple discurso lineal das elites: somos pobres, temos que sentir vergoña de ser pobres, e é a nosa responsabilidade. Declárase o relato do atraso como imperativo, e o relato do progreso como solución, feitos sempre dende o urbano. Por isto é que Brigitte Vasallo insiste, e con moito acerto, que a diáspora debe ser estudada dende o lugar de orixe. Cómpre entender o relato imposto do atraso analizando a situación orixinal, mais é importante facelo fuxindo da mitificación e do ”construto“ do belo, do bonito, en referencia a orixe. Sería alicerzar o mesmo discurso colonial mediante o relato idealizado.
Tumblr media
En palabras da investigadora e seguindo a Boaventura de Sousa Santos o sistema colonial aplicado na diáspora orixina ausencias  ou non-existencias ao través de diferentes mono-culturas:
Cultivo, cultura do tempo lineal. As elites impoñen a interpretación dun discurso lineal orixinando as non-existencias.
Expulsase e exclúese o lugar da orixe do sistema espazo-temporal da modernidade. As aldeas non son modernas. Sómente existe unha única escala onde medirmos, compararmos,  a da Modernidade, Urbana e Occidental. Que ademais é Universal e Global. Seguindo ás elites, temos que ser modernos.
A cultura da lóxica da clasificación social, tamén lineal. Naturalízase a xerarquía social. Naturalízase o ser pobres. É a realidade a que nos fai pobres. É a nosa responsabilidade.
Cultívannos na lóxica da produción da non-existencia (e.g. a lingua galega non serve par nada, produce ignorancia, é residual, local, inferior: IMPRODUTIVA).
E finalmente, Brigitte Vasallo deléitanos con unha análise dende as “txarnegas”.
Como non somos nacionais da nación de chegada, somos españois (non inclúen ás vascas). As txarnegas están no segundo chanzo da xerarquía social, sistema natural e lineal. Están na esfera da non-existencia nacional do país de arribada, mas é posíbel mudar, avanzar para esa aceptación nacional cando chegan outras razas e relixións, seguindo esa linearidade  imposta dende a elite social. Como se estableceu mais arriba, a diáspora hai que estudala e analizala dende o lugar da orixe, non da chegada. Entón, as fillas e netas da diáspora, dende que lugar se comprenden? Brigitte Vasallo defíneas como entidades mutantes finais. Non sabemos quen somos. Somos asimiladas, colonizadas, adoptadas no lugar de chegada,  definitivamente? Neofalantes en todas as linguas. Podemos dicir que continúan na diáspora, nunha diáspora interna? Seguen a representarse/constituírse en condicións ausentes, condicións de agradecemento para ser aceptadas, para ter senso de pertenza.
Para Brigitte Vasallo entender todo isto, analizar e comprender o modelo de discurso lineal  imposto e normalizado pola elites (discurso de inclusión na modernidade, o óptimo previamente definido por aquelas e estas elites), é fundamental para iniciar o proceso de-colonizador, emancipador.  Non debemos xustificarmos, xustificar o que somos. A nosa memoria é lexítima.
Tumblr media
Relatoría creada por Emilio Carral, doutor en bioloxía e profesor titular na Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do grupo de investigación Galabra de estudos culturais e entre os seus libros destaca “O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa”.
0 notes
Text
O xoves 10 de marzo conversamos con Brigitte Vasallo
Tumblr media
O Grupo de Estudos Galicia e o Decolonialismo continúa coas súas sesións públicas, nesta ocasión coa investigadora militante Brigitte Vasallo. A súa conversa “Ser charnega, identidades mutantes” profundará, dende a súa propia biografía, na complexidade das identidades, do cruce e do híbrido e da potencia do non normativo. A teórica do poliamor ten tamén complexizado sobre as dificultades do colonialismo interior do Estado e con ela abordaremos que supón ser unha galega emigrada a Catalunya e canto queda por estudar e resignificar esa mobilidade. Á vez este proceso non pode separarse da clase social, polo que unha vez máis vese como o materialismo tamén atravesa as identidades.
Brigitte Vasallo é unha escritora e activista antirracista, feminista e LGBTI, coñecida especialmente pola súa defensa do poliamor nas relacións afectivas. Filla dunha familia galega migrada a Francia e despois a Catalunya, reivindica con orgullo a súa identidade charnega. Entre as súas obras cómpre destacar Mentes insanas. Ungüentos feministas para males cotidianos.
A sesión pública terá lugar no auditorio da Fundación Luis Seoane o próximo xoves 10 de marzo ás 20h. O Grupo de Estudos continuará as súas xornadas públicas coa performer Artemisa Semedo o 7 de abril. Co obxectivo de documentar e que ocorre no Grupo de Estudos acaba de abrirse un espazo virtual https://galiciaeodecolonialismo.tumblr.com/ que serve de arquivo público do proxecto.
0 notes
Video
vimeo
0 notes
Text
Cal é a posiconalidade de Galiza no mundo? Uns apuntamentos da conversa con Ramón Grosfoguel
O pasado xoves 10 de Febreiro comezamos coa serie de faladoiros no Grupo de Estudos Galiza e o decolonialismo cunha conversa con Ramón Grosfoguel, profesor da Universidade de Berkeley e un dos principais teóricos do pensamento crítico decolonial. A crítica decolonial é un tema infinito polas súas múltiples implicacións e aplicación a todos os ámbitos. É ademáis unha perspectiva crítica viva, sempre en desenvolvemento e revisión. Non é un bloque fosilizado de pensamento senón unha crítica ao modelo civilizatorio occidental cuxos procesos desde a expansión colonial europea foron renovándose e perpetuándose ata o momento actual no que continúan operativos.
Unha das primeiras cuestións a comprender é que Europa, como España, son identidades recentes. España, como invento do século XIX, é unha das grandes falacias da historiografía colonial moderna e os discursos do nacionalismo centralista que describen unha España enraizada na antigüidade. Este poder de nombrar é profundamente colonial. Coa expansión colonial europea globalizouse unha forma dualista de comprender o mundo acorde coa espiritualidade cristiana, en contraposición con outras cosmovisións máis holísticas do mundo. Este cristianismo trinitario que separou ao home da naturaleza foi secularizado por Descartes y constituiu unha doctrina ontolóxica que está na base do sistema capitalista e do que hoxe chaman o Antropoceno. Moitas voces críticas cuestionan este concepto e propoñen Capitaloceno. Grosfoguel propón Occidentaloceno xa que se trata dunha civilización, non meramente un sistema económico. A modernidade occidental estableceuse como unha civilización de morte e o capitalismo imbricouse coas lóxicas civilizatorias. Lóxicas dualistas cartesianas cristianocéntricas, lóxicas racistas, heteropatriarcais, anticomunitarias, epistemicidas, etc. Destruíndo a producción da vida en moitos lugares do mundo. Esto quere dicir que, en contra de moitas correntes de esquerda e do marxisto eurocéntrico, a superación do capitalismo non supera estas lóxicas de dominación, porque non se trata dun sistema económico senón civilizatorio. Este Sistema civilizatorio que Grosfoguel denomina como un Sistema Mundo capitalista-patriarcal-occidentalocéntrico-cristianocéntrico-moderno-colonial.
Por iso os socialismos do século XX non lograron superar o capitalismo existente e reproduxeron lóxicas coloniais, acabaron por reproducir o sistema que pretendían destruir. A modernidade non é, nin foi nunca na historia, emancipatoria. Só resulta emancipatoria para unha proporción mínima da poboación. Temos que mirar cun ollo decolonial todo o acontecido e pensar nun proxecto novo de cara ao século XXI que supere ou non repita ou erros cometidos no XX.  A loita contra un sistema civilizatorio non pode ser meramente económica, debemos considerar as lóxicas que o organizan para poder construir algo novo. A perspectiva crítica decolonial supón un problema ao interior deste sistema xa que implica confrontar a posicionalidade propia. Dentro do Estado español existen pobos que son e teñen sido coloniais con outros pobos ao tempo que viven lóxicas coloniais desde Europa ou desde o nacionalismo centralista. Pobos como o galego, o catalán, o vasco, o andaluz, o canario, etc que son nacións sen soberanía, xa que posea o estado centralista español. As autonomías produto do Réxime do 78 non teñen en realidade ningunha soberanía. A dominación colonial non se reduce a si hai ou non unha administración colonial. Existen relacións de dominación colonial con e sen administracións coloniais. Esto é o que o pensador panafricanista Kwame Nkrumah chamou neocolonialismo, onde se perpetúa a dominación (económica, epistémica, política...) baixo unha aparencia de independencia. No contexto español, o Réxime do 78 é outra forma de neocolonialismo con estas pseudoautonomías onde en aparencia hai un estado e unha soberanía, aínda que en realidade estás subordinado, culturalmente, económicamente, ao imperio, que é o Reino de España, como monarquía con fachada de consulta democrática cada 4 anos. Entón xurden procesos de liberación destas nacións sen soberanía fronte ao estado imperial.
Grosfoguel expón a dobre colonialidade onde por unha banda ten que haber unha loita pola emancipación, na forma soberana que sexa; pero é imprescindible recoñecer e atender as colonialidades exercidas por estas nacións sen soberanía cara a outras e ao interior delas mesmas. Explica cómo a esquerda que define como imperialista ten intereses encontrados coas soberanías inferiorizadas xa que defende os intereses do estado centralista e incluso ten negado o seu dereito de autodeterminación como fixo con Cataluña no momento. Esta esquerda centralista pode operar como dereita para as nacións sen soberanía porque defende os intereses do Estado español. Entón o tema aquí é: Desde onde estamos pensando o mundo? Cal é a nosa posicionalidade?
As colonialidades das nacións sen soberanía ao interior de si mesmas representan formas de dominación cara determinados grupos que son visto como un afora da nación, como unha outredade. Pon como exemplo aos galegos musulmáns, galegos xitanos, e multiples outras existencias que tamén forman parte da galeguidade. A galeguidade é heteroxénea. Se o proxecto de liberación non ten unha visión pluriversal, só reproduce o esquema civilizatorio imperial nas periferias, onde grupos de élites definen que é o galego, o catalán...subordinando calquera forma de ser i existir que non encaixe nese marco. Unha loita soberanista verdadeiramente descolonizadora non se limita a loitar contra as dominacións exteriores do noso pobo, senón que é preciso facer á vez un traballo interno de recoñecemento e descolonización das xerarquías de dominación asumidas.
Así, a república que se busque construír non é unha República anticapitalista, senón unha República antisistémica, esto é feminista, antirracista, anticolonial, ecoloxista, anticapacitista, comunitarista, pluriversal...Para esto debemos descolonizar o concepto mesmo de igualdade propio da república francesa -concepto de república globalizado-, fuxir da uniformidade e a homoxeneización que impón unha hexemonía do ser, do saber e do poder. Sabemos que existen formas de igualdade que son inxustas, por eso as feministas islámicas propoñen o concepto de xustiza sobre o de igualdade. Somos iguais porque somos diferentes e desde esta diferencia construímos a igualdade real.
Texto escrito por Cristina Botana, membro do Grupo de Estudos Galicia e o decolonialismo e  Doutora en Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da ETSAC da UDC. Fixo parte da equipa de Arquitectura Sen Fronteiras e colabora na revista Crítica Urbana, Espazo Clara Corbelhe e o Salto-Galiza.
Bibliografía recomendada por Ramón Grosfoguel durante a conversa:
Sirin Adlbi Sibai. La cárcel del feminismo. Hacia un pensamiento islámico decolonial. (Akal, 2016)
Abdennur Prado. Genealogía del monoteísmo. La religión como dispositivo colonial (Akal, 2018)
0 notes
Text
O concepto de nación a debate o xoves 24 con X. M. Nuñez Seixas
Tumblr media
O Grupo de Estudos Galicia e o decolonialismo continúa coas súas sesións públicas, nesta ocasión coa preseza do profesor Xose Manoel Nuñez Seixas. A súa conversa “nación, suxeito adaptativo” profundará nunha revisión histórica do concepto de soberanía. Coa súa relatoría preténdese analizar se é posible falar dun tránsito entre a idea de hard sovereignty a unha soberanía blanda, en tanto hai unha perda do seu dominio, do ámbito de alcance; co profesor tamén analizaremos a internacionalización do nacionalismo, un dos puntos tratados tamén na anterior conversa, con Ramón Grosfoguel.
X. M. Nuñez Seixas é Doutor en Historia Contemporánea polo IUE de Florencia e catedrático da mesma materia na Universidade de Santiago de Compostela, tamén o foi na LMU de Múnic. Premio Nacional de Ensaio en 2019. Foi investigador ou profesor convidado en varias universidades europeas e americanas, como París X, City University of New York, Verona ou Stanford. É autor de varias monografías en galego, inglés, alemán, francés, portugués, español e catalán. Entre as últimas cóntanse The First World War and the Nationality Question in Europe (Leiden/Boston, 2020) como editor e The Sites of the Dictators (Londres, 2021, no prelo). Ten tamén publicados numerosos artigos en revistas internacionais e colabora habitualmente en diversos medios de comunicación. Actualmente é vicepresidente do Cocsello da Cultura Galega.
A conversa con el será presencial e terá lugar no auditorio da Fundación Luis Seoane o xoves 24 de febreiro ás 20h. A seguinte sesión pública será o 10 de marzo e contaremos coa participación da activista e pensadora Brigitte Vasallo. 
0 notes
Text
Selecionados do Grupo de Estudos Galicia e decolonialismo
Antonio Alejo
Colaborador do Grupo de investigacion ESOMI da Universidade da Coruña e o IGADI. Entre os seus artigos está “Migrant Diplomacies: Rethinking Diplomacy Beyond State-Centric Perspectives. A Civic Bi-nationality Experience from North America.”
Cristina Botana
Doutora en Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da ETSAC da UDC. Fixo parte da equipa de Arquitectura Sen Fronteiras e colabora na revista Crítica Urbana, Espazo Clara Corbelhe e o Salto-Galiza.
Emilio Carral
Doutor en bioloxía e profesor titular na Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do grupo de investigación Galabra de estudos culturais e entre os seus libros destaca “O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa”.
Fernando Pérez
Técnico editorial e, actualmente, estudante de terceiro ano do Grao de Historia do Arte pola UNED. É cofundador da asociación cultural sen anímo de lucro Tinta Bacanal e membro fundador do Colectivo Anomias de investigación-acción.
​​Joan Morera 
Doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo, coa tesis “Construcción simbólica del paisaje gallego: Transmisión generacional del paisaje”. Ten realizado varias residencias artísticas en diferentes instituciones publicas e privadas como o Colexio de España en Paris.
Leticia C. Maroño
Na actualidade traballa como animadora cultural nun concello da área metropolitana da Coruña nun entorno semi urbano desenvolvendo un proxecto de diversidade etnográfica. É traballadora social e diplomada en maxisterio. 
María Novas
Arquitecta e investigadora. Doutoranda en Arquitectura na Universidad de Sevilla e docente na TU Delft. Master en Investigación Aplicada en Estudos Feministas (UJI). Entre os seus libros cómpre destacar “Arquitectura y género” (Melusina, 2021). Cofundadora do colectivo Dexeneroconstrución.
Norberto Bayo
Doutor en Filosofía pola UNED coa tese “Estética declinada: Institución y decolonialidad en el contexto de lo sonoro” e tamén docente na Universidade de las Artes, Guayaquil, en Ecuador. É xestor, comisario en artes e docente-investigador.
Pablo Pesado 
Doutor en Estudos da Literatura e da Cultura. Algúns dos temas que analiza son o impacto do realismo máxico na América Latina e na Galiza e as súas consecuencias na construción das respectivas identidades nacionais.
Serxia Laxe
Licenciada en Dereito, profesora de FOL. Candidata ao Doutoramento en Equidade e Innovación en Educación na UDC, codirección en VU Amsterdam. Investiga en educación para o emprendemento. D.E.A. en Dereitos Fundamentais e Mestrado en DD.HH.
0 notes
Text
Conversa con Ramón Grosfoguel o 10 de febreiro
Tumblr media
O Grupo de Estudos Galicia e o decolinialismo inicia a primeira das sesións públicas que se irán desenvolvendo ao longo do 2022 e faino cun dos grandes pensadores da teoría decolonial, o profesor da uiniversidade de Berkeley Ramón Grosfoguel. A súa conversa títulada “o decolonialismo e as súas implicacións“ transitará en torno a propia teoría decolonial, das súas simplicacións políticas e de como Galicia, aínda sendo Europa pode dialogar con outros procesos emancipadores que se estan dando en todo o planeta
O profesor, ademais de teórico, é un gran coñecedor da realidade socio política galega, polo que a conversa con el permitirá sentar unhas bases estructurantes ao Grupo de Estudos. Ramón Grosfoguel é sociólogo nado en Puerto Rico, pertenecente ao Grupo modernidade/colonialidade (Grupo M/C) que se desenolve na Universidad de California en Berkeley. Entre as súas obras destacan Colonial Subjects. Puerto Ricans in a Global Perspective ou El giro decolonial: reflexiones para una diversidad epistémica más allá del capitalismo global (comp, 2007).
A conversa con el será online, mais a emisión farase dende a propia sede da Fundación Luis Seoana e terá lugar o xoves 10 de febreiro ás 19h. A seguinte sesión pública será o 24 de febreiro e contaremos coa participación do tamén profesor Xose Manoel Nuñez Seixas.
0 notes
Text
Chamada a participantes
Tumblr media
A Fundación Luis Seoane presenta o Grupo de Estudos Galicia e o Decolonialismo. Este programa anual de investigación ten como obxectivo abrir un espazo de investigación experimental co que crear unha nova plataforma de pensamento no centro artístico.  
Nesta ocasión o Grupo de Estudos da Fundación Luis Seoane ten como obxecto abordar a relación entre o decolonialismo e Galicia. A aposta por crear este Grupo de Estudos ven determinado pola necesidade de pensar como o decolonialismo, a súa teoría e praxe, atravesan Galicia, o xeito que temos de entendela. O enfoque será diacrónico, preguntarémonos que supuxeron as migracións no pasado, mais tamén como convite a pensar o futuro. O Grupo de Estudos concíbese como un espazo para unha reflexión lenta, sobre un debate aínda pendente: que é ser periferia á vez que centro? e que é ser colonia á vez que colonizado?.   
Esta edición que comezará en febreiro e rematará en xullo do 2022 e abordará cuestións como a encrucillada decolonal en Galicia, ou canto de pasado colonial ten Galicia ou como pode un territorio europeo relacionarse na actualidade cos movementos emancipadores do Sur. Á vez aspirase a tecer un debate sobre a pertinencia ou non das aspiracións emancipadoras en tanto poden replicar unha nova fronteira-exclusión. Para iso contarase coa participación de investigadores como o teórico e profesor da Universidade de Berkeley Ramón Grosfoguel, a activista e antropóloga da BAU Mafe Moscoso, a perfomer Artemisa Semedo, a profesora da universidade de Bangor Helena Miguelez Carballeira, a ensaista e activista Brigite Vasallo, a artista Lucia Egaña, a música e investigadora Mercedes Peón, a profesora da Universidade da Coruña Antía Perez Caramés ou o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Xose Manuel Nuñez Seixas. 
O Grupo de Estudos diríxese a todas as persoas interesadas nas inter relacións entre arte e a investigación, a xestión cultural, as migracións, o pensamento decolonial e activistas e persoas vencelladas a movementos sociais ou comprometidas coa transformación social. As sesións de traballo serán unha vez ao mes de xeito habitual e haberá tamén traballo online. O Grupo de Estudos estará composto por 10 persoas, como máximo, que serán seleccionados polo director do Grupo de Estudos e a directora da Fundación Luis Seoane, aquelas persoas interesadas en participar deberán enviar un email a [email protected] axuntando unha breve carta de motivación de non máis de 300 palabras sobre o seu interese en participar no Grupo de Estudos. 
A data limite para o envío da proposta de participación é o 30 de xaneiro. Se lles comunicará as persoas seleccionadas a súa escolla antes do 7 de febreiro. Igualmente as sesións serán públicas, mais coas persoas seleccionadas haberá un traballo máis intenso de reflexión e creación conxunta. 
O Grupo de Estudos nace co obxectivo de concebir a Fundación tamén como un centro epistémico, que partindo do legado do artista é quen de tecer diálogos cos retos contemporáneos
0 notes